Se no seu momento dirixín “Ferrol Vello”, adaptación da célebre “Dirty old town” a cargo do bo de Sergio Galego, compañeiro no grupo Os Silvestres naquel tempo, esta vez tocoume facer “Vello Ferrol”, composición do meu amigo e socio Charlie Mysterio no proxecto Os Peregrinos, co cal acabamos de editar un disco para Elefant Records. Por circunstancias, a vida púxome na tesitura de dirixir estas dúas historias ambientadas nesta encantadora cidade con aire decadente na que me tocou vivir, que, cos seus rueiros, prazas e algúns dos seus lugares máis singulares, é unha personaxe máis, certamente inspiradora. Trátase de dous traballos moi diferentes esteticamente, pero complementarios entre si; se no primeiro abordaba a temática mariñeira, a crise laboral e o mundo da taberna, en estoutro aparecen varios símbolos na forma dunha bela dama, confrades da Semana Santa, o mundo sórdido da noite ferrolán, flahbacks no tempo, o mercadillo de Ferrol Vello, unha vagabunda músico moi especial e algunhas cousiñas máis. Ámbolos dous traballos fíxennos con sincero cariño e coa maior honestidade posible, volcando todo o que tiña en min (non concibo outra forma). Non podo deixar de agradecer a todas as persoas que participaron e colaboraron neste último que estou a presentar estes días.
Aquí vos queda:
No hay comentarios:
Publicar un comentario