domingo, 8 de abril de 2018

Juana de Ibarbourou_Docencia – Folque

Juana de Ibarbourou_Docencia – Folque



Juana de Ibarbourou_Docencia

Juana de Ibarbourou_DOCENCIA é Premio “Luisa Villalta” de Proxectos Culturais pola Igualdade.Deputación PROVINCIAL de A Coruña
  • Dirixe: Marina Oural
  • Produce: aCentral Folque
Juana de Ibarbourou_DOCENCIA é un proxecto artístico-educativo aberto á participación de calquera persoa interesada na experimentación con poesía, danza, música e creación escénica fundamentado na escritora uruguaia de ascendencia galega Juana de Ibarborou (1892-1979) que vén de ser galardonado co I Premio “Luísa Villalta” de Proxectos Culturais pola Igualdade das áreas de Cultura e Igualdade da Deputación da Coruña.
Juana_Docencia nace da performance Juana de Ibarborou_Inspiracións (2017), a cal integra no guión textos de escritoras de diferentes séculos (Rosalía de Castro, Juana de Ibarborou, Marina Oural). Conta en escena con Marina Oural (poesía e voz), Irene Álvarez Coto (danza) e Chefa Alonso (música), tres mulleres de diferentes xeracións que lideran as súas parcelas artísticas baixo a dirección escénica de Mónica Cofiño.
Partindo dun espectáculo nacido desde unha visión contemporánea, estas catro creadoras abren unha xanela á participación e experimentación artística a través de catro obradoiros abertos que se desenvolverán en abril de 2018 para aprender e vivenciar como e desde onde as escritoras crean. Un dos bastións fundamentais deste proxecto de arte e educación sitúase no ecofeminismo: alén do propio corpo, unha das principais ferramentas escénicas coas que se traballa nos obradoiros son as fabas de Lourenzá (localidade de orixe da familia de Juana de Ibarbourou e lugar de nacemento da directora do proxecto, Marina Oural). A semente ‘galaica’ sobe desde a terra para a escena nunha viaxe imaxinaria para entroncar coa forza da arte desde a creación e a diversidade de mundos posibles compartidos. O pequeno é grande identificado aquí na agricultura sostible e de proximidade que se tenta fomentar cun sentido de conservación do rural e implicación da súa poboación. Preténdese, na fin, sumar enerxía e voces que desde unha perspectiva de xénero liguen a arte como ferramenta de construción dun futuro máis xusto para os seres humanos independentemente do seu xénero.
Juana_Docencia rematará cunha posta en escena en palco, resultado do proceso saído das residencias artísticas, o vindeiro domingo 29 de abril no Auditorio Municipal de Vimianzo. Nesta representación estarán integrados na obra diversos achados artísticos xurdidos da experiencia dos obradoiros desenvolvidos nas semanas previas.
Cantos e como serán os obradoiros?
Serán tres sesións de traballo artístico colectivo e interdisciplinar de 12 horas en total.
Dúas das sesión, de 4 horas cada unha, están abertas á participación das persoas inscritas, a terceira de 4 horas é para traballo interno do equipo docente.
O número máximo de participantes por obradoiro é de 15 persoas.
A cada participante faráselle entrega de material didáctico con código QR que dará acceso a contidos multimedia.
A poesía, a danza, a música e a creación escénica son os piares que guiarán as aulas.
Quen son as facilitadoras?
  • Chefa Alonso. Compositora, saxofonista e percusionista.
  • Mónica Cofiño. Directora escénica, bailarina e performer.
  • Irene Álvarez Coto. Bailarina e fisioterapeuta.
  • Marina Oural Villapol_MOV. Poeta e performer.
Onde e cando serán os obradoiros abertos ao público?
RIANXO. Auditorio Municipal
Venres 13 (17h-22h) e sábado 14 (16h-20h) de abril.
OLEIROS. Centro Cultural A Fábrica
Venres 20 (16h-20h) e sábado 21 (16h-20h) de abril.
ORTIGUEIRA. Teatro da Beneficiencia
Luns 23 (16h-20h) e martes 24 (16h-20h) de abril.
VIMIANZO. Auditorio Municipal.
Venres 27 (16h-20h) e sábado 28 (16h-20h) de abril.
Cales son as condicións para participar?
A participación nos obradoiros é completamente gratuita. Só é necesario inscribirse previamente.
Os obradoiros de Juana_Docencia está abertos a todos os públicos e non se esixe ningún tipo de formación previa para participar se ben se priorizará a participación activa de mulleres, adolescentes e de docentes e artistas das diferentes especialidades: música, poesía, teatro, danza, circo, artes plásticas…
É imprescindible que a persoa participante especifique na inscripción que recurso quere traballar no obradoiro: corpo, texto, voz, instrumento, interpretación…Pódese participar desde varias especialidades á vez, só é preciso enumeralas no momento de reservar a praza. Se es música ou artista plástica é imprescindible traer o material necesario da túa especialidade: un instrumento musical ou un obxecto sonoro, pinceis e pinturas, etc.
Priorizarase a participación das persoas censadas nos concellos participantes.
Como inscribirse e onde?
Chamando por telefono ou escribindo aos enderezos electrónicos das áreas de cultura de cada un dos concellos. Reserva xa a túa praza.
  • RIANXO. Tlf: Auditorio de Rianxo 981 100 688 (ext.1). Polas mañás // cultura@concelloderianxo.gal
  • OLEIROS Tlf: Dpto. Cultura 981 610 000 // cultura@oleiros.org ou r.caparros@oleiros.org
  • ORTIGUEIRA Tlf: 981 400 000 Dpto Cultura. Polas mañás // mlopez@concellodeortigueira.com
  • VIMIANZO Tlf: 981 717 288 (Casa de Cultura) // cultura@vimianzo.gal

No hay comentarios: