lunes, 23 de enero de 2017

SONDOBAR ( Facemosnos ao Mar Sonoro de Manolo Bacallau)




Descripción del proyecto

#Sondobar...
Que sería de nós se non puidésemos cantar, se as nosas voces estivesen limitadas apenas ás mainas melodías dos sentimentos agochados na calma chicha da gorxa...
Cantamos no colo, cando nacemos, cantamos de crianzas na rúa cando brincamos e cando nos agrupamos nas voltas xiroscópicas dunha roda infantil e melódica; cantamos adolescentes cando amigamos e namoramos, cantamos adultos nos xantares familiares, nos patróns, nas festas, nas viaxes colectivas, cantamos cando facemos parroquia nas xuntanzas de bar e taberna.
E mais si, hai lugares e lugares para cantar, mais falando nun presente que por veces é pasado, se cadra podemos ter a sensación de que cantar en grupo, de forma improvisada mais premeditada, vén resultar unha práctica que se está a perder.
Cantamos para non perder o don de sermos quen somos, coas melodías propias que forman parte da ecoloxía cultural da beirarrúa atlántica que habitamos. Cantamos desde Ferrol coas letras anónimas que xentes anónimas cantaron de forma anónima para darlle nome á nosa música.
Cantamos dende o sur do Miño, coas melodías e a fala dos que falan o que nós mesmos imaxinamos no pentagrama da lingua.
Cantamos porque cantar é sermos humanos. Cantamos porque cantar supón respirar melodías e lanzar as voces ao ar para bicármonos co alento das corcheas, para amolecer as limaduras da pel coas sinfonías do corazón.
Destes e doutros compases nace Sondobar..., dun costume familiar, da necesidade da beleza sonora, da busca da harmonía social. E Manolo Bacallau decídese a cantar na roda dun disco para dar ás ao discorrer da vida. E canta na lingua de noso, na que está no groto da gorxa, na que está no manancial dos beizos, que se estende máis aló do monograma fronteirizo da nosa xeografía, creando a aperta dos acentos e deixándonos no ámago o laimo da harmonía
Cando sintas dor, canta;
cando sintas luz, canta;
cando sintas sede, canta;
cando sintas soños, canta...
Porque cantar é ser río
e ser río é amar o mar.
Cara a fóra, son de dentro,
cara a dentro, sondobar.
Antón Cortizas
Ferrol, Xaneiro de 2017

Que é Sondobar...?

É un proxecto cultural, impulsado por Joám Lopes, Lam Couce, Xende Lopes, Glória Martins, Bruno Lopes e o próprio Manolo Bacallau, con o que pretendemos recoñecer a obra e laboura do Manolo Bacallau pola conservación e divulgación da música popular e tradicional da comarca de Trasancos (Galiza). Cantares principalmente interpretados en bares e en todos aqueles lugares onde cantar, espontánea e libremente, só ou en grupo, era e ainda é posíbel; son interpretados por el neste traballo.
O proxecto contará con un CD con unha escolla de temas do extenso repertório do Manolo Bacallau, no que participarán vári@s colaboradores/as. Completase con un DVD onde alén de un breve documentario incluirase vários temas gravados en directo.

Quén é Manolo Bacallau?

(Foto: Susete)
Manuel Alonso “Manolo Bacallau” Ferrol, (A Coruña)
Nace en Ferrol, na barriada da Ponte de Caranza, ao pe do rio do Tronco...
Medra o calor da familia da súa nai Clementina, (traballadora da PYSBE), composta de avós e irmáns (mulleres e homes), que tódolos domingos xuntábanse a xantar na casa materna e logo do café con achicoria,dábanse a facer a mellor dixestión do mundo..., cantar.
Gosta de dicir que formaban unha verdadeira coral, xa que o seu avó, Andrés Varela, e un dos seus fillos, Sito, formaran parte dos coros “Toxos e Froles” e “Ecos da Terra” na corda dos baixos e unha tia, (Maruxa), foi tiple do Toxos, logo estaban; Carme (avoa), Concha, Luz e a súa nai, pola banda dos homes, Pepe, Chente, Chiro, xunto con Cano e Teresa (tíos políticos), a facer melodías e voces. Sito, o maior, fórase emigrado o Brasil.
Froito de esa escola venlle a “afición”, mais ben necesidade, de cantar, por ben ou por mal...

Portugal...

No ano 1973 embarcase nunha campaña a pesca do bacallau en Terranova que lle sirve para enfocar o que canta, escoita a Horacio Guaraní a Paco Ibañez a José LarraldeAtahualpa,e cantigas galegas na estupenda voz de Nando Caamaño (Ferrol), ten a sorte de ser convidado a celebrar o Nadal, nun barco portugués en St.Jhon`s, no que os mariñeiros, todos novos, facían sete anos de milicia en troques de non ir catro, a guerra de Angola...O recordo do calor daquela cea,forma parte importante do cariño que lle ten as xentes do pais irmán.
Xa en terra 1974, navega nas músicas de Victor JaraQuilapayúnVioleta ParraCarlos PueblaPatxi AndiónLluís Llach etc...,sen esquecer as galegas,e a cantores como Miro CasabellaSuso BaamondeBenedito e BibianoXoan Rubia, etc... ata que por medio do seu amigo Ramón Casal, coñece a María Manuela e Miguel “Tranquilo” e escoita, interpretadas por eles, “Mulher da Erva”“Menino do Bairro Negro” , ”Grândola Vila Morena” e vai entrando no repertorio do grande Zeca Afonso.
No 76 forma parte do Grupo Xarabal xunto con amigas e amigos da pandilla.
Participa en actos e festivais organizados por asociacións de esquerdas, e nun destes, ala polos 80, entra en contacto con o grupo Saraivas, cos cales grava o LP , “Xa non podemos calar”, percorrendo con o mesmo, boa parte da xeografía galega e con actuacións puntuais na Suiza (Berna, Zürich, Ginebra) ou na Bretaña (Lorient).
Logo de esa etapa, alá polo 82, comeza a organizar e celebrar o 25 de Abril, cantando en bares e tabernas de Ferrol, actividade que continúa a facer na taberna O Facho e no pub Uf en Vigo, (onde aprende a facer gaitas con Antón Corral e Ramón Casal, na Universidade Popular), e tamén, na Taberna do Jefe, (Cangas do Morrazo),cantando con o inesquecíbel Lucio, rodeado de amistade e acompañado, Sempre, do agarimoso “murmullo” do Agus, ámbolos dous, “...maiores co pensamento”.
Na etapa de Vigo, 83-93, contacta con os amigos do Zeca Afonso por medio de Francisco Peña (Xico de Cariño), o que o leva a participar como artesán convidado, (Curso de construción de Pandeiros), e, como colaborador da organización, en algunhas edicións do Festival “Cantigas de Maio”, O Seijal (Portugal), adicado O Zeca, organizados pola Associaçâo José Afonso.
De volta en Ferrol, traballa un tempo con Antón Varela na construción de gaitas e foles etapa na que grava xunto con él e a Orquesta Sinfónica de Madrid, la “Suite Romance” de Eliseo Parra, música para o Ballet Nacional de España.
Grava con Os Cempés o volumen 2 de Le Printemps de la Cornemuse, Morvan, (Francia) 1995 onde coñece a Paco Diez, (La Bazanca), con o que colabora no disco, Mas que un Oficio, no ano 1997.
(Tributo o Zeca Afonso,Braga, con Cabe Garcia)
No 2014 convidado polo grupo Canto D’Aquí, de Braga canta no Tributo ao Zeca, no Teatro Circo da cidade, algo que volve a facer no ano seguinte, no conservatorio de música Calouste Gulbenkian, acompañado pola guitarra de Cabe García, dentro da primeira edición da Semana Cultural, Convergências Portugal-Galiza.

A que vamos dedicar as vosas achegas?

  • Cubrir unha parte do custo dos gastos ligados á gravación do disco: horas de estudo, mistura, mastering, aluguer de material, etc...
  • Cubrir unha parte do custo dos gastos ligados á gravación e edición do DVD.
  • Cubrir unha parte dos gastos asociados á distribución do CD/DVD: copias físicas, envio...
  • Cubrir unha parte dos gastos ligados á gravación de algúns temas en concerto que será incluido no DVD: aluguer equipo de son, técnicos...
  • Cubrir as comisións de Verkami.

(Foto: Pepe Pose)

Calendario previsto

Calculamos que Manolo Bacallau entre no estudo na primeira quincena do més de marzo de 2017. A finais de abril esperamos xa contar con o CD/DVD editado en formato físico e comezaremos a entregar as recompensas.

Só queda agradecer...

A todas aquelas pessoas, que desde hai muitos anos estades en cada concerto, dando calor.
Agradecer ao amigo Antón Cortizas o texto da introducción a este proxecto.
Da mesma forma agradecer a Leandro Lamas a ilustración que acompañará a capa do CD/DVD. Tamén ao Juanpa Ameneiros polo traballo audiovisual.
E muito obrigado a vós por axudar a sacar este proxecto avante.

+info

No hay comentarios: