André Breton
Antes a Vida
Antes a vida que istes prismas sen espesura aínda que as cores sexan máis puras
Antes ela que esta hora sempre aneboada que istes terribles vehículos de chamas frías
Que estas pedras podres
Antes iste corazón esta navalla automática
Que iste lagoto de murmurios
E que esta tea branca que canta asemade na terra e no ar
Que esta beizón nupcial que une a miña fronte coa da vaidade total
Antes a vida
Antes a vida coas súas sabas esconxuradoras
Coas súas cicatrices de evasións
Antes a vida antes iste rosetón na miña tumba
A vida da presenza nada máis ca da presenza
Na que unha voz pregunta Estás aí e outra responde Estás aí
Pero ai eu apenas estou aí
E malia que lle fagamos o xogo ó que matamos
Antes a vida
Antes a vida antes a vida Nenez venerable
A fita que parte dun faquir
Semella o ferrollo do mundo
Por máis que o sol non sexa máis ca un refugo
A nada que o corpo da muller se lle asemelle
Pensas ti contemplando cadora a traxectoria
Ou tan só ó pechares os ollos sobre a tormenta adorable que ten por nome a túa mao
Antes a vida
Antes a vida coas súas sás de espera
Cando un sabe que xamais o farán pasar
Antes a vida que ises balnearios
Onde o servizo está composto por colares
Antes a vida desfavorable e longa
Cando os libros volvan cerrarse aquí en andeis menos lenes
E cando alí vaia máis que mellor vaia libre si
Antes a vida
Antes a vida como fondo de desdeño
Desta cabeza abondo fermosa
Como o antídoto desta perfección que ela reclama e teme
A vida o enfeite de Deus
A vida como un pasaporte a estrear
Unha pequena vila tipo Pont-à-Mousson
E como todo esta dito xa
Antes a vida
(Tradución de Xoán Abeleira)
Olga Novo
Antes a Vida
coma se as pupilas derretidas con areas de sal e de lixivia.
se amence e che din iste sol recortado dos teatros de ópera
oh titiriteiros, vendedores de trapos exhaustos, de restos de comida,
quincalla dos últimos suburbios, alcol que disemina arañas pola gorxa,
iluminados nos bancos dos parques, intelixencia entregada ós tiros
e á carcoma. velaí.
pero con isto se soldaban os ósos ós vinte anos.
no templo comérciase co teu amor.
– cámbioche un poema por un cromo de xogador de fútbol.
un poema con rima por unhas gafas de sol.
un poema de alexandrinos por ise colar de mentira.
no templo comérciase co teu amor.
pero Antes a Vida.
Antes a Vida a folga do meu nome a manifestación en alto
do primeiro momento
dos amantes.
antes ela cá estraña distancia interposta
entre tódalas mentiras e o meu clítoris.
Antes a Vida.
e mesmo cando semella que, Antes a Vida antes
o destrozo da muller que frega os pratos no centro do teu corazón.
antes o teu violín que descende ó pracer dos teus beizos
un día
a extremidade dos concertos sobre o frío de Laponia.
Antes a Vida.
aínda sabendo que trocarían os versos por unha bolsa con trece moedas.
que con cada unha delas fabricarían mitos para salvar a patria.
Antes a Vida para contemplar contigo esta última noite
antes para que meu pai escoite o ventre dos seus animais
respirándolle dentro,
a aldea minúscula que se me cae a cachos por dentro dos abrazos,
Antes a Vida.
que está o meu avó queimando igrexas no centro do meu útero.
por iso antes, levaremos a cabo a experiencia do amor nas cunetas,
o estremecemento de terras nas orxías, tan só inundar a praza pública
co seme que deixas niste verso.
ou tan só pechar os ollos sobre a tormenta adorable
que ten por nome a túa man.
antes ela cos seus fusís de fame no seu cancro de ovarios, antes ela.
choverá sobre nós sobre os cabalos da miña memoria
sobre as tellas da nosa historia sen casa,
sobre a vulva da muller que violaron cando poñía flores na tumba
do meu libro de versos.
Antes a Vida como a miña mai derramando papoulas en xaneiro
ou simplemente coma min
dentro dela
desgarrándolle placentas
en xaneiro.
e como todo foi dito xa
Antes a Vida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario