CLAUDIO RODRÍGUEZ FER TRADUCIDO AO GREGO EN ATENAS
O escritor Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, presentou en Atenas a súa poesía traducida ao grego na obra bilingüe Limiares sen límites, en versión realizada pola profesora e filóloga Theodora Grigoriadou, que introduciu ao autor. A doutora europea Theodora Grigoriadou, especialista en literatura áurea española e nas traducións ao castelán de Luciano de Samósata, falou sobre este último tema en 2016 na Facultade de Humanidades de Lugo.
A presentación tivo lugar o 2 de decembro na prestixiosa e activa Escola de Tradución Abanico de Atenas, dirixida con gran carisma e profesionalidade pola mexicana Leonora Moreleón e polo catalán Pere Romero Puig. O experimentado tradutor, hispanista e lusitanista Nikos Pratsinis coordinou o recital poético trilingüe galego-castelán-grego, que contou coa asistencia de moi diversas personalidades do hispanismo en Grecia, como o filólogo romanés Victor Ivanovici, de tan vasta como valiosa obra políglota, ou o filósofo arxentino Marcos Breuer, estudoso de Borges. Numerosos exemplares da obra, amplamente ilustrada por acuarelas neogregas da artista Sara Lamas e por un cinepoema visual executado por Cristina Fiaño, foron dedicados polo autor ao público asistente, no que figuraban discípulas de Theodora Grigoriadou como a tradutora Natasa Lambrou, licenciada pola Universidade Aberta de Atenas, ou Stavrietta Fanou, licenciada pola Universidade Xonia de Corfú.
Con anterioridade tivo lugar un taller de tradución grupal sobre micronarrativa de Claudio Rodríguez Fer, centrada no contro "Bolborétame" (ambientado no Museo Cicládico de Atenas e na Illa de Thera), eficazmente conducido polo tradutor e tradutólogo Konstaninos Paleologos, da Universidade Aristóteles de Tesalónica, quen ten traducido ao grego a autores galegos como Emilia Pardo Bazán ou José Ángel Valente. Nel participaron como tradutoras as filólogas Evi Kírlesi, Efi Mítsula, Natalí Fitrou, Sofía Simou, Anzula Basilíu, Alexandra Golfinopulou, María Malakata e Katerina Dimitropulou, coordinadas polo citado tradutor e intérprete Nikos Pratsinis, quen presentou ao autor e quen concluíu que este conseguira seducir e namorar ao público grego asistente coa súa produción e coa súa personalidade.
Resumindo o sentir do grupo tradutor, Anzula Basilíu agradeceu vivamente a aportación do autor "con el texto mismo, que me encantó por su aire surrealista, como con sus propios comentarios que facilitaron nuestra traducción. Ha sido un experiencia muy placentera y espero que tengamos la oportunidad de repetirlo en un futuro". Na mesma liña, Katerina Dimitropulu agradeceu "su ayuda, disponibilidad y paciencia en el taller, porque todos estos elementos nos ayudaron a "crear" una traducción digna del texto (o de los textos) fuente". E Sofía Simou concluíu: "Fue un taller extraordinario".
No hay comentarios:
Publicar un comentario