miércoles, 26 de marzo de 2014

Unha lectura crítica de Nimbos no centenario de Xosé María Díaz Castro

As crebas » Unha lectura crítica de Nimbos no centenario de Xosé María Díaz Castro





Unha lectura crítica de Nimbos no centenario de Xosé María Díaz Castro



(Cartóns de convite aos actos do centenario promovidos pola AELG e oPen Clube de Galicia. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Hoxe, 19 de febreiro de 2014, conmemoramos o centenario do poetaXosé María Díaz Castro (Vilariño dos Cregos, Parga, 1914 – Guitiriz, 1990). As dúas entidades de escritores/as, AELG e o Pen Clube de Galicia, convocan aos actos de homenaxe en colaboración co asociación cultural Xermolos de Guitiriz.
Son lector de Nimbos desde hai ben anos da 1ª edición que publicou Galaxia en 1961, antes de eu nacer. A primeira vez que o lin, sendo eu un mozo (primeiros anos oitenta) aínda foi no exemplar que durmiñaba nos andeis da Biblioteca Pública Municipal «Francisco Mayán» de Cee.
Seguiron outras lecturas, até unha ben profunda que fixen cando estaba a traballar como bolseiro de investigación (xa rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora Dolores Vilavedra. Daquela traballei nas fichas dos volumes II. Publicacións periódicas e III. Obras. Por decisión editorial, que eu moito non comparto, as fichas non van asinadas polo autor do texto de xeito que cada quen puidese responsabilizarse do que se publicou. Pois ben, o caso é que a ficha sobre a obra Nimbos, cos seus acertos e desacertos (que algún terá) foi da miña autoría e inclúe unha compilación de como acolleu o libro a crítica contemporánea e a súa recepción. Velaquí vai o texto:
Nimbos, XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO
Aínda que Nimbos se publicou en 1961, habería que falar dunha prehistoria deste libro pois a Escolma de Poesía Galega IV. Os contemporáneos (Galaxia, 1955) de Francisco Fernández del Riego adiantou sete poemas, unha sexta parte dos que finalmente integrarían o libro, no que foron incorporados todos eles, con pequenísimos cambios ortográficos, aínda que tres apareceron cun novo título, así “Terra rebada” pasou a ser “Terra achaiada”, “Con este alento” chamouse “Coma brasas” e “Intre de beizos” apareceu como “Veleiquí os homes”. Neste último texto o poeta engadiría unha segunda parte de seis versos a maiores.
Desde a mesma data de publicación, Nimbos foi cualificado como libro poético excepcional, e nese ano escritores como X. Mª Álvarez Blázquez e Carballo Calero no Faro de Vigo, ou Ramón Lugrís e Otero Pedrayo, este xa no 62, en La Noche, ou Franco Grande, dous anos despois enGrial, saudaron a aparición do volume dunha maneira entusiasta. Tamén recibía louvores de Cunqueiro, Risco e, con anterioridade, de Ánxel Fole que falaba no Faro dun novo poeta poucos meses antes de que en xullo de 1961 a editorial Galaxia imprimise a primeira edición. Con todo, despois prodúcese un silencio da crítica ata os anos oitenta cando vai ser novamente reivindicado por Xosé Ramón Pena, de novo Carvalho Calero, X. L. Méndez Ferrín e moitos outros autores, que estudian con rigorosidade o poemario.
No ano 1982, vaise publicar unha edición bilingüe, preparada e presentada polo profesor Carballo Calero, na Editora Nacional, de Madrid, que reproduce os textos do orixinal acompañados dunha versión castelá, do propio Díaz Castro, na parte baixa da páxina. No noso país o libro non foi reimpreso por Galaxia ata 1989, dentro da colección de poesía “Dombate”, cun novo formato e unha adaptación ortográfica para a súa actualización, que nalgún caso altera a medida dos versos. O poemario componse de 32 poemas, de evidente homoxeneidade, a pesar de apareceren repartidos baixo sete epígrafes: “Pórtico”, “Noite”, “Lus”, “Espranza”, “Milagre”, “Sono” e “Ferida”.
Malia que na súa aparición fose tan ben recibido por escritores e críticos, o poemario estivo lonxe de acadar popularidade porque o momento era máis propicio para a poesía que se deu en chamar social ou comprometida. Como diría Lugrís en La Noche Díaz Castro non era “voz de coro” senón un “solista”. E isto ocorre porque está moi lonxe de versificar ao uso e fai unha poesía filosófica e relixiosa, influenciada pola súa formación teolóxica no seminario de Mondoñedo, unha relixiosidade que se debate entre a ortodoxa aceptación do dogma e unha insaciable “sede de lus” que procura através da palabra. O tema relixioso escasea na literatura galega contemporánea, o máis adoito son actitudes vagamente deístas ou mostras costumistas de cultos aldeáns. Carballo Calero fala de dous niveis que denomina “ascético” e “católico triunfalista”. No primeiro, o eu poético, contemplativo como os místicos ascetas casteláns do século de ouro, considera que a esperanza do mundo é “a consumación na crus”, expresión do seu anceio de fuxida da materia e de unión mística con Deus. No segundo, Cristo é un home con poder, “ti fás e desfás”. Por iso, o poema “O berro das pedras” evoca o triunfo do catolicismo galego, materializado en Compostela, e “Veleiquí os homes” canta a exaltación da oración coral en xenuflexión e o castigo dos herexes. Como en Doone, Hopkins ou Thompson, poetas que escriben do ascético combate contra a propia sombra e que Díaz Castro coñece ben. Para Rodríguez Fer, ademais da compoñente cristiá da súa relixiosidade, existe unha compoñente grega con elementos humanistas cristianizados, e outra compoñente galega precristiá pola carga panteísta de certos poemas ou as alusións á relixiosidade dos celtas.
Pero Nimbos non se esgota aí, pois tampouco exclúe unha fonda paixón telúrica, un forte enraizamento na terra que se expresa dunha maneira directa ou insinuada. Este panteísmo* que transparenta nos seus poemas reflicte a comuñón do home coa terra, aínda que non é un poeta descritivo, achegándose a unha poesía de interpretación metafísica da paisaxe, a través dun filosofía da desesperanza, cercana á angustia existencialista da nosa poesía de posguerra. E tamén incorpora a nostalxia do paraíso perdido, as lembranzas da súa infancia, o mundo labrego iluminado pola inocencia e desaparecido para sempre. Dúas escolas de clasicismo, a vida do campo e a vida do seminario, que influiron sen dúbida poderosamente na formación do poeta, como na do seu amigo Iglesia Alvariño.
Ademais, paradoxalmente, Díaz Castro escribiu un dos máis profundos poemas de tema social, intitulado “Penélope”, o seu texto máis coñecido e que non se pode arredar da parte de Nimbos que o poeta chamou “Espranza”. Toda a crítica que se ocupou da súa obra reparou no poema de dezaseis versos que é toda unha profunda síntese da frustración histórica da sociedade galega e da súa inútil espera permanente, tecendo e destecendo destinos, abrindo timidamente a esperanza incluso cun cambio de presente para futuro e rematando co verso inmobilista do inicio: “Un paso adiante i outro atrás, Galiza”. Na lectura que fai Carmen Blanco do texto sinala que se enmarca na tradición literaria galeguista dos cantos elexíacos á patria e na das plasmacións míticas do inconsciente colectivo galaico da nai-terra, onde o poeta é fiel á construcción interesada do modelo de esposa ideal propia do mito homérico.
Así pois, na pluralidade de Nimbos están presentes case tódalas direccións da lírica galega de posguerra. Reutiliza o paixasismo humanista, o neovirxilianismo*, baseado na poesía clásica latina, especialmente Virxilio, que tiña os seus antecedentes nos poetas lugueses de preguerra Noriega Varela, Crecente Vega e Iglesia Alvariño. Ademais tamén entronca con toda a poesía clásica galega, de Meendinho a Cunqueiro. Díaz Castro elabora unha poesía de ton e liña culta, asemade nos seus versos aparece xa a consideración dunha Galicia real, histórica e problemática, afastada da visión intemporal e descritiva dos paixasistas. Deste xeito, e á luz dun escepticismo moi noso, vai analizando temas como a emigración e o atraso que o achegan á poesía socialrealista, e que teñen como resposta, fronte a esta, unha peremptoria sede mística de luz, que equilibra a sombría realidade íntima e colectiva.
O idioma de Díaz Castro singulariza a súa poesía, traballa coa canteira inesgotable do idioma coloquial da que vai arrincar non só esas palabras que iluminan un poema senón tamén outros xiros que concentran unha poderosa carga expresiva. É duro e descarnado o idioma se se compara co habitual na lírica galega, pero poucos poetas galegos empregaron un idioma máis expresivo, natural e maxistralmente escollido. Aínda que fortemente dialectal, como sinalou Xosé Luís Regueira, o galego deNimbos é o idioma falado polos labradores da comarca de Guitiriz, nomeadamente no léxico empregado, pero non se nutre en exclusiva desta fonte, senón que se enriquece con termos tomados do galego literario ou do galego común que non se utilizan nestas terras ou mesmo, en contadas ocasións, existe unha influencia do portugués e do castelán con préstamos ou interferencias. O escritor actúa sobre a lingua cun criterio purista e esa vontade faise explícita co engadido dun vocabulario final para aclarar aquelas voces que o autor presume que non son comúns a toda Galicia.
Predominan en toda a obra os conceptos de “luz” e de “sombra”, e son usuais os campos semánticos da natureza, da relixión, das partes do corpo, dos mundos real e irreal, da vida e da morte en estreita relación co tempo, da dimensión metapoética, dos sentimentos e do mundo da infancia. Emprega reiteradamente a palabra “lus”, símbolo da divindade, e outras que se relacionan semanticamente con ela, aludindo á concepción que o poeta ten da vida, como sinónimo de esperanza. As imaxes relativas ao luminoso aparecen adoito, o poema é “un nimbo de lus” e o eu poético engade “alumarei con fachas de palabras,/ ancho herdo meu, o mundo que me deron”. Pola contra, o mundo é anti-luz, unha realidade en negativo. O espírito-deus, simbolizado pola luz, fronte á materia-mundo, constitúen unha dualidade presente en toda a obra.
No tocante á elaboración métrica, o tacto que pon na construcción do verso e do versículo, fai de Díaz Castro un poeta coidadoso. Aproveitando unha educación clásica que lle dá un gran dominio de recursos, a súa poesía ten as súas raíces moi preto do modernismo español e latinoamericano, con uso frecuente de alexandrinos e eneasílabos, na liña de Rubén Darío. Tamén posúe unha déveda coa tradición renacentista peninsular, iniciada por Boscán, que se manifesta no uso de hendecasílabos (case a metade dos versos) e heptasílabos, moitas veces combinados entre si. Ademais hai abundancia de octosílabos e hexasílabos. A súa variedade de metros vai desde o perfecto dominio do verso tradicional a outros poemas nos que se achega á resonancia épica do seu mestre Aquilino Iglesia Alvariño, que o encamiñou para a escrita en galego, despois dos seus inicios en castelán.
As súas características xerais son a liberdade no uso de combinacións de metros e de rimas, case sempre froito dunha escolla aparentemente momentánea, e con ocasionais ensaios rítmicos e de verso libre. Igualmente ten un evidente gusto en desafiar a preceptiva con reiteradas rimas de certas palabras clave que se repiten a final de verso, nalgúns casos, como única rima versal. Isto provoca, ás veces, un efecto antipoético e mesmo imperdonables ripios ou rimas pobres*. Ademais do recurso á rima semántica e de numerosos ensaios de rima interna, destaca o uso da aliteración en períodos sintácticos breves. A abundancia de pausas e a escasez de encabalgamentos, unido á relativa lonxitude do grupo fónico, contribúen a crear un ritmo lento, que só se acelera coa aparición de versos de arte menor.
Reforza tan austera impresión o significativo predominio do substantivo e o uso dunha adxectivación sobria e certeira. Unha das figuras retóricas que máis obsesivamente aparecen é a repetición dispersa dun ou varios elementos no interior do poema con repercusións evidentes sobre o ritmo e o significado. Trátase dunha poesía rica, a pesar da apariencia sinxela: rica en metros, rara vez suxeitos a fórmulas ríxidas, rica en figuras, unha poesía máis abundante en conceptos que descritiva. Fai do poema unha poderosa síntese que contén unha sorprendente densidade poética onde cada palabra é insustituible. Unha poesía na que predominando a función emotiva, non faltan a apelativa e metapoética. De feito, Díaz Castro opinaba que “a poesía debe producir unha emoción estética, xa que non se trata dun mundo matemático, frío, mecánico, senón que é un producto profundamente humano expresado con beleza”.
Como sinalou Carballo Calero, Nimbos vén restaurar na literatura galega a poesía total, inaudita desde Cabanillas, reanudando a grande poesía despois do momento da poesía parcial. Díaz Castro non se dobregou á moda do especialismo, a súa temática era de notable variedade, como nos tempos e na obra dun Cabanillas. Non era un poeta puro, nin un poeta social, ainda que a pura poesía, como vivencia esencialmente estética, e o sentido da solidariedade coa sociedade en que nacera, atinxían en ocasións na súa obra realizacións verdadeiramente felices.
A súa obra poética figura nalgunhas antoloxías e outras, as máis, optaron pola indiferencia. Poesía Galega. Do posmodernismo aos novos de Fernández del Riego inclúe sete textos, doce aparecen en Poesía gallega contemporánea de César A. Molina. Mellor fortuna ten o poema intitulado “Penélope”, recollido noutras crestomatías e traducido ao castelán polo propio Díaz Castro, ao húngaro por Éva Dobos e ao francés por Françoise Pechère na antoloxía Terre d’Espagne (Bruxelas, 1968).
BIBLIOGRAFÍA:
Vid. MF
Blanco, C., Nais, damas, prostitutas e feirantas, Vigo, Xerais, 1995.
*Blanco Torrado, A., A ascensión dun poeta. Xosé María Díaz Castro, Lugo, El Progreso Artes Gráficas / Fundación Caixa Galicia, 1995.
Carballo Calero, R., “Un poeta lexíbel”, en Libros e Autores galegos. Século XX. A Coruña, Fundación Barrié de la Maza, 1982.
Carballo Calero, R., “A fortuna de Díaz Castro”, en Estudos e ensaios sobre literatura galega, O Castro, Sada, Ed. do Castro, 1989.
Franco Grande, X. L., “Díaz Castro nesta hora”, Grial 6, 1964.
*Requeixo, A., “Unha aproximacióna a Nimbos de Xosé Mª Díaz Castro”, en Revista Galega do Ensino, nº12, maio, 1996.
Rodríguez Fer, C., Poesía Galega, Vigo, Xerais, 1989.
Torres Regueiro, X., “In memoriam X. Mª Díaz Castro”, en Anuario brigantino 13, 1990.

No hay comentarios: